Dodo Dadá

Ruth Lodeiro
Áfona

20 de novembro ao 10 de xaneiro de 2026

Partindo dunha parte do concepto do mito mesopotámico e que, como case todos, o cristianismo adoptou e, doutra parte, da noción estética do Zigurat, especialmente o de Brueghel, sérvenme de metáfora para afondar na falta de entendemento que acompaña á humanidade. Resulta paradoxal que na era das comunicacións é cando máis aparece a soedade do ser humano contemporáneo, que non ten deuses, nin crenzas ás que aferrarse, nin apenas valores morais, e onde xorden todo tipo de intolerancias relixiosas, raciais, de xénero, sociais.

Resulta paradoxal que tanta información que nos posibilitan as comunicacións serva para malformar e desinformar, creando individuos afastados do carácter empático da proximidade. Non son conflitos linguísticos per se, hai política manipulada no tratamento da identidade, dos odios, das batallas. Non son conflitos relixiosos per se, son loitas económicas por posuír territorios, auga, mentes…

Resulta paradoxal, que coñecendo o pasado e tendo acceso á documentación histórica, volvamos repetir violencia, odio, indignidade, asasinatos e impudor, igualmente que sendo as mulleres a metade da poboación sexan cidadás de segunda e non se recoñeza o seu valor nin se respecte como ente individual, nin como persoa, nin mente, nin corpo.

No enfrontamento e/o complemento de materiais utilizados nas pezas (cerámica, textil, metais e cartón), hai intencionalidade e complementariedade. O que en orixe da serie só aparecían torres ríxidas cerámicas, foron evolucionando para facerse máis dúctiles para incluír a torre cidade, a cidade como reperesentación da torre de Babel contemporánea. As torres mesopotámicas, bíblicas, incluso medievais convértense na actualidade en cidades, coma reflexo da diversidade e mestura pero tamén da intolerancia, confusión e soedade.

Algunhas pezas elévanse en espirais que tentan alcanzar o ceo e son sostidas por tubos ocos, en alusión ás oquedades que sustentan os discursos e a convivencia. O cartón é usado como símbolo do efémero e caduco, que como moitas ideas e pensamentos sustentan as falsa crenzas e a Babel acaba derribada.

Os conglomerados de casas que conforman a torre que precede á caída, é representación de que o persoal é político e o individual é social. Na metonimia perseguimos a inexistencia da unicidade como individuos, a parte polo todo carece, hoxe en día, de vontade de existencia, ou pertences ao grupo, á sociedade, ou es excluído, sen voz.

Ir al contenido