Alma mater, Universidade de Salamanca, bolsa de colaboración académica de fotografía con Victor Steimber e Ana Torralva, bolsa de estudos en s`Hertogembosch e Maastrich, alumno de taller e master class de instalación con Juan Muñoz, alumno de taller e master class de escultura con Auke de Vries, doutoramento en Belas Artes dirixido por José Chavete pola Universidade de Vigo, cursos de gravado en Augatinta con Xabier de Sousa, cursos de gravado en Fundartes con José Fuentes.
Sobre a obra
Traballa con obra seriada bidimensional e de tirada curta, outros formatos son libros e cartafoles de autor, terracotas, carteis, portadas, conferencias, obradoiros ou curadorías.
Por enmarcar academicamente a produción digamos que se distinguen influenzas expresionistas nas texturas, surrealistas en canto á narratoloxía e minimalistas na composición e o uso de materiais. Moi pendente do silencio non carente de ritmos, ou máis concretamente dunha danza silenciosa entre a figura humana e o espazo aparentemente baleiro. Xa que a parte de soporte sen intervir actúa representando o lugar onde se desenvolve a coreografía. Cando a referencia é a paisaxe, os horizontes ou as nubes preséntanse como manchas, facendo un efecto similar ás manchas das figuras. De novo neste caso, o formato e o espazo en branco, son tan protagonistas como a intervención sobre el. Estas obras son series curtas de menos de 5 exemplares, utilizando as técnicas do gravado tradicional, que se relacionan uns con outros nunha continuidade entre imaxes, xerando unha obra aberta e en proceso de evolución.
Unha colección cada vez máis extensa de carpetas a modo de libros de artista van tocando temas moi diversos, combinando a obra visual con colaboracións de científicos e científicas, máis escritores e escritoras. Teñen formatos diferentes e son obras de bibliofilia con edicións que adoitan ser de 20 exemplares. Neste caso as técnicas varían aínda que sempre apareza o tórculo como medio manual de elaboración das imaxes, combinado con técnicas dixitais para textos ou complementos.
No caso das pezas tridimensionais, preséntanse facendo composicións entre varias ou illadas. Os materiais pedra policromada e terracota, de pequeno formato. De novo unha combinación de expresionismo e mínimal na súa acepción máis póvera sería a referencia dos estilos históricos para achegarnos ao aspecto estas pezas. En canto ao que subxace na mensaxe é a interrogación sobre o propio corpo como contedor de serenidade.
