Mark Ritchie (1963) naceu en Sydney, Australia. En 1992 mudouse a Alemaña e desde finais dos anos 90 reside en Ourense. Traballa como fotógrafo en diversos campos como a arquitectura ou a documentación en colaboración con diferentes museos e institucións nacionais ou a través de colaboracións con estudos de deseño gráfico. Fixo varias exposicións tanto do seu traballo persoal como asociada a proxectos de documentación. Desde fai algúns anos, tamén imparte talleres creativos no campo educativo.
"A miña iniciación na fotografía produciuse nos anos 70 na escola secundaria grazas a un profesor entusiasta que organizou un club fotográfico que incluso tiña o seu propio laboratorio fotográfico. Entre 1981-84 estudei fotografía no Sydney Technical College. Sen dúbida, esta formación cun sólido compoñente técnico influíu significativamente no meu enfoque da fotografía. Nas clases prácticas, empregamos magníficos instrumentos suízos con película de gran formato e traballamos con gran rigor técnico no laboratorio. Os temas que me interesan son amplos, como a vida mesma. Probablemente, vivir rodeado de natureza desde unha idade nova deixou unha marca profunda no meu traballo persoal. "
Ao final, a luz está ligada inexorablemente á fotografía. A luz, fugaz e efémera, ao igual que escoitar música, é unha fonte constante de inspiración.
