
Manolo Figueiras é un artista ourensán nacido en México en 1961 que centra a súa actividade nos eidos da pintura, a escultura e o gravado e ten realizado diversas exposicións. É autor das placas urbanas que en Ourense sinalan o roteiro baseado n’A Esmorga de Eduardo Blanco Amor e ten ilustrado libros de poetas como Rosalía de Castro, Xosé María Álvarez Cáccamo, Antón Riveiro Coello, Manuel Outeiriño, Lucía Novas ou Francisco Fernández Naval. No campo da teoría e crítica de arte, ten escrito numerosos textos para libros, catálogos e publicacións de carácter especializado.
A mostra Le Cirque du Figuier (O Circo da Figueira) reúne un conxunto de pinturas baseadas no tema clásico do circo como representación extrema do espectáculo e do corpo e tamén como alegoría da arte e da vida. Imaxes con personaxes que, coma di o poema de Rilke, son “un pouco máis fuxidíos que nós mesmos, urxidos sempre por unha vontade nunca satisfeita que fai que se entrelacen, se retorzan, salten, xiren...".
O público que asiste á función, representado de forma case abstracta como un telón de puntos multicromático, é o nexo común que enlaza as obras. Nesta imaxe queda implícita a idea de masa como ente tan impersoal como omnipresente, así como a crítica da espectacularización deshumanizada da crueldade, do drama e da diferenza.