
Primeiro foi Planetarium, hai moitos anos na Casa da Xuventude de Ourense. Unha exposición de Adriana Pérez e Alfonso Rodríguez; nela recollíanse as obras de ambos: montaxes dixitais, pinturas e unha instalación con vídeo. A partires desa exposición xurdiu a web expoplanetarium.net, onde os dous artistas foron vertendo durante anos e anos, e ata a data, centos de creacións de todo tipo, visuais e escritas: foto, vídeo, montaxe dixital, poesía, colaxe, animación e un longo etcétera que asolagou a web. Dende o ano 2003 e ata este 2024, máis de vinte anos de vertidos creativos dos dous creadores.
Agora un deles, Alfonso Rodríguez, presenta na Galería Dodo Dadá esta exposición, onde recolle obra retrospectiva, de moitos anos, en forma de colaxe, pintura, fotografía, vídeo e publicacións varias.
Alfonso Rodríguez, antes “minux”, é un poeta e artista nado en 1973 en Ourense que ten publicado numerosos libros poéticos -e non tanto, feito distintas exposicións e colaborado en numerosos proxectos dende que no ano 1999 coñeceu a Adriana Pérez na Escola de arte Antón Faílde.
Antes diso Alfonso foi “okupa”, “fanzinerista” e xa “poetastro”, dando a tabarra coas súas creacións en distintos lugares da cidade.
Deseñador gráfico, dende o 2008 está ocupado a tempo total en pensar moito e realizarse no lokal que comparte tamén con Adriana Pérez -Redeiras.net- no barrio do Couto da cidade das Burgas -aínda que el segue a considerarse pontino pero non de pro.
Neste lokal toca a batería, recita, recorta revistas e pinta a mona. Así anos e anos, facendo un fondo de armario nada desdeñable de todo tipo de obras. Sen esquecer as poéticas.
Dende o ano 2014, a partires dun libro autoeditado de colaxes e poemas -ao comezo de brincadeira e logo non tanto, forma e conforma coa súa compañeira a editora Saurobuks onde teñen publicado uns cantos libros a autores e autoras afíns e amigas.
Os traballos que presenta na Dodo Dadá son obras que abarcan distintas épocas do artista, onde queda patente a grande produción do mesmo, enfocado sobre todo no mundo da colaxe. Tanto abstracta como non tanto.
Tamén hai pintura, abstracta. Alfonso Rodríguez batallou e batalla contra o lenzo, combates de auténtica esgrima que rematan nunha loita descarnada na que se reflexa un colorido, moitas veces exultante, que sae do seu máis profundo e gris cerebro.
Nesta exposición tamén hai espazo para os libros -maioritariamente poesía- que ten publicado en distintas editoras, incluída Saurobuks.
Finalmente a exposición conta cunha retrospectiva de moitas, moitísimas, fotografías que se poden visualizar nun monitor, cunha parte ínfima pero suculenta da súa faceta como fotógrafo compulsivo que percorre a cidade de Ourense, etc. atopando imaxes onde poucas veces a xente fixa a súa ollada.
Outras imaxes que se proxectan son colaxes dixitais e colaxes efémeras, estas son composicións tipo colaxe fotografadas e que deixaron de existir no instante despois de ser retratadas.
Por último, tamén se pode visualizar un vídeo de pezas curtas -outra faceta do autor, dun cariz poético.
Alfonso Rodríguez nunca tivo a oportunidade de expoñer nun lugar tan longo e ancho <img draggable="false" role="img" class="emoji" alt="😉" src="https://s.w.org/images/core/emoji/15.0.3/svg/1f609.svg">
Para a presentación desta exposición resucítase WordsNoise, un proxecto que se perdera no espazo temporal da pandemia despois de ter existido dende o 2015 como tal, e que consiste en spoken word e ruído, isto é con recitado do autor e guitarra eléctrica máis sintetizador por parte de Arpista Iniciado -Luís Real Arregui. Acompaña desta volta, en directo, con proxeccións a artista e compañeira Adriana Pérez.