Dodo Dadá

Alba Fernández

Alba Fernández

Sobre a obra
“…A alegría, o coidado, o amor, o pracer, a beleza e o xogo son os protagonistas dunha exposición que nos empuxa a vivir as emocións dun xeito vivo e lúcido…”
"...fala da facultade natural de gozar, de amar e de coidar, de moverse polo cotián, co que xa existe. A beleza e a emoción están en todas partes e en todas as persoas. Historias plásticas onde observamos a elevación dos conceptos visuais aos sensoriais. Pequenas lembranzas de que hai detalles ao noso redor que, lonxe de ser superfluos, poden ser fonte de alegría, de gozo, de envolvente...".

Olga Pastor Alvarado [Comisaria de Arte]

Alba Fernández, arquitecta das universidades da Coruña e Normandía, dedícase na actualidade á ilustración, deseño e procesos de creación artística.
Desde 2007 traballa para diferentes estudos de arquitectura. Entre 2011 e 2017 deseñou para marcas recoñecidas no mundo da moda, realizando proxectos de interiorismo para tendas e showrooms en todo o territorio nacional e internacional.
A súa traxectoria profesional no ámbito da arquitectura e o deseño de interiores deriva nos últimos anos cara a disciplinas artísticas, ás que aborda desde unha preocupación e impulso vital.
Na ilustración de temática libre atopa a súa canle de expresión máis íntima. Aborda as súas creacións desde un lugar sensible onde as emocións toman forma e tecen un fío entre o mundo e o seu interior. Desde xaneiro de 2018 ilustra os artigos literarios do escritor Jaime Noguerol para a sección dominical “El ángulo inverso” do xornal La Región.
Tamén desenvolve traballos corporativos, imaxe discográfica, ilustración editorial, eventos culturais e outros proxectos, sempre moi persoais, arredor da ilustración e o deseño.
Realizou varias exposicións individuais e colectivas. En breve ten prevista unha exposición individual na Galería de Arte Dodo Dada [Ourense].

www.awebdealba.com
@oinstadealba
ocorreodealba@gmail.com