
Emilio Araúxo e Cándido Caneiro presentan unha exposición que explora a conexión entre o ser humano e a natureza a través de máscaras e figuras ancestrais. Inspirados nas tradicións galegas e no simbolismo do espantallo, convidan a un percorrido visual e espiritual polo rural e a súa memoria. Emilio Araúxo contribúe con fotografías que complementan a mostra.
“Animar, acompañar, alertar. Coma prepoemas alertando das ameazas do intre. Unha procesión de espantallos en Lumeares, unha relectura dos xestos de xeira, unha afirmación de maneiras perdidas.”
Emilio Araúxo
“O espantallo interpreta o seu papel con dignidade patética: mantén a pose, sostén o xesto, a roupa ondea coma un vello pano de fondo, movido por unha cinsa do vento. Ergue os brazos, coma no último acto dunha obra sen aplauso.”
Marta García