
Esta pregunta xurdiu no mellor momento da vida dun home —meu pai— cando todo semellaba éxito e calma. Foi nunha noite de celebración na que se abriu unha fenda nas aparencias da felicidade. Que será de nós? Unha preocupación sorprendente nun home na plenitude profesional e física.
Sobre un fondo branco, rodeado por sombras de homes de rostros indistintos, hai un rostro consciente, como esperto nun pesadelo, que mira ao fronte, cautivo nun mundo inerte. Ese é o rostro do meu pai enviando un sinal. Desde que perdida profundidade de espírito, agora que xa non vive… Sen boca nin mans e, non obstante, latexando nunha folla de papel.
Esa é a razón de deixar testemuñas en papel? En lenzos? Vivir en signos? Non falo da gloria despois da morte, senón de vivir en vida, vivir máis a través do mundo interpretado.
Nese debuxo, que ten algo de escura floración, aparece unha das preocupacións do meu pai: o misterio do mundo de fóra, a dobrez do outro, para o que sempre tiña —a pesar de todo— unha sorprendente mirada comprensiva. Os outros tamén aman a vida, parecen dicir os seus debuxos e pinturas. Tamén protexen a oportunidade, que concede unha única existencia, de conquistar a súa porción de paraíso.
Na súa imaxinación artística está todo aquilo que a mente viu, temeu, cobizou, sufriu, ofendeu, soñou, perdoou… máis todos os tempos nos que viviu ou puido ter vivido, nun curso que arrastra a existencia enteira, desde o día no que un rapaz sentiu que había algo máis tras o visible: outras voces, intencións, paixóns, risas feitas de dores en curso, tristuras que aman. E entón, aquel neno fai uns trazos en busca doutro sentido, e o pulso sinte que é capaz de ver outra verdade: a conexión man-ollo que devolve formas perdidas, entrevistas ou mesmo recén nacidas, para ir construíndo o que quen debuxa e pinta non sabía que era: unha identidade nova, engadida, pero máis certa.
Meu pai foise construíndo, lenta e pacientemente, para a vida pero tamén para a morte, embelecendo as ruínas dun tempo consumido pero que segue o seu curso, traendo cousas ou levándoas ata o esquecemento ou, modeladas polo filtro da imaxinación artística, ata os nosos ollos, espectadores do seu futuro.
Cando cría rematada a parte brillante da vida, chegou outra con grandes agasallos: cores que estoupan en ámbitos domésticos ou fantasmas do pasado cos ropaxes do soño, paisaxes que reclaman vivir coma a xente, vidas que queren ser pedras, vento, crepúsculos. Os actores da súa vida cambian os seus traxes para interpretar unha obra que espero que non remate nunca.
José Martín Carmona